Esta
semana tivemos a sorte de volver visitar o AMFIV, club vigués de baloncesto en
cadeira de rodas. O club leva máis de trinta favorecendo a total
integración e a igualdade social mediante a práctica deportiva.
O
encontro tivo lugar no pavillón de Bouzas, onde o gran nivel de complicidade
entre alumnos e xogadores e o bo ambiente que se respirou foron salientables.
Á
nosa chegada, recibíronnos os propios xogadores e o relacións públicas do club,
Nacho, a quen lle agradecemos a súa simpatía e amabilidade. Deseguido, pasamos
á quenda de presentacións, onde os xogadores nos falaron da súa historia
persoal, a discapacidade que posuían e a súa traxectoria deportiva. Cómpre
destacar que entre os xogadores había participantes en campionatos europeos,
mundiais e paraolimpíadas.
Coñecemos
e repasamos os aspectos regulamentarios máis salientables do baloncesto en cadeira
de rodas dun modo teórico-práctico: cando os xogadores fixeron un 4x4, todo parecía
moi sinxelo, xa que os movementos realizábanse á máxima velocidade e con total coordinación.
Tocoulles a quenda ós rapaces: as cadeiras nas que se desprazaban eran dun
material altamente tecnolóxico, cun custo aproximado de entre 1.500 e 6.000
euros, e manexalas fíxose unha tarefa complexa. Pero quedaba o máis difícil: engadir
o balón e coordinar todos os elementos. Aínda así, houbo casos nos que o manexo
dalgúns alumnos foi notable, e incluso os profesores do colexio participaron e gozaron
da actividade.
Consideramos
que esta actividade ten un gran interese dende o punto de vista formativo. Así mesmo,
ter a posibilidade de compartir unha xornada con estes xogadores, que son un
exemplo de superación e amor polo deporte, non ten prezo.
No seguinte enlace atoparás as fotos da excursión: